Catalina González renuncia a presidir o Grupo de Desenvolvemento Rural do Salnés
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo renunciará á presidencia do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) O Salnés para que a celebración das eleccións municipais do próximo mes de maio e, polo tanto, o feito de que non concorra nestes comicios, non interfira no desenvolvemento da xestión das iniciativas promovidas por este grupo.
"O prazo de presentación de proxectos correspondentes a esta anualidade culmina o 31 deste mes e resultan máis efectivo e conveniente que este proceso sexa abordado por unha mesma persoa xa que eu deixarei de representar ao meu municipio o vindeiro 13 de xuño polo que habería que cambiar entón de presidente", explicou a rexedora que trasladará a súa decisión aos integrantes da xunta directiva, durante a reunión que terá lugar no Centro de Interpretación As Telleiras, en Vilalonga.
Así, tal e como comentou Catalina González, a súa intención é, pois, propiciar as condicións para que os técnicos poidan desenvolver o seu labor, tendo en conta que o próximo mes de agosto deberán estar inspeccionados e xustificados todos os proxectos.
"A miña idea é rematar esta etapa co 100% dos fondos executados e repartidos na comarca do Salnés", apuntou a alcaldesa.
Tras exercer como vicepresidenta, Catalina González tomou as rendas do GDR O Salnés en marzo de 2009, substituíndo o alcalde de Meaño, tristemente falecido.