O PP confirma a Telmo Martín como candidato á alcaldía de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Despois de reunirse na mañá deste venres o Comité Electoral Provincial do PP de Pontevedra, a dirección do partido que preside Rafael Louzán anunciou que Telmo Martín será o candidato popular á alcaldía de Sanxenxo nas próximas eleccións municipais.
Segundo explicou Rafael Louzán, no momento de tomala decisión pesou a sua "traxectoria" nos oito anos que foi alcalde de Sanxenxo "nunha etapa moi importante onde puxo a Sanxenxo no lugar que lle correspondía non só en Pontevedra senón en toda Galicia".
Louzán sinalou que están "moi contentos da súa labor".
Esta foi unha das cuestións que deu a entender ao comité electoral que era a persoa que tiña "a mellor posibilidade" neste municipio, pero tamén se tivo en conta a sua carreira política no concello de Pontevedra onde quedou "a un puñado de votos" de obter a alcaldía.
Respecto á actual alcaldesa, Catalina González, agradeceu o seu traballo á fronte do Concello de Sanxenxo durante estes anos porque "non foi unha labor fácil" e descartou a posibilidade de que a actual rexedora poida concorrer aos comicios de maio cunha candidatura independente: "esa posibilidade eu non a plantexo", dixo Louzán.
PERFIL POLÍTICO E PERSOAL
Telmo Martín González naceu en 1958 en Xil, no concello pontevedrés de Meaño.
No ámbito político, presentouse en Sanxenxo como cabeza de lista do PP ás eleccións municipais de 1999, obtendo a maioría absoluta. Catro anos despois, resultou reelixido por unha maioría aínda máis ampla.
En 2007 encabezou as listas municipais do PP en Pontevedra, onde obtivo o 44,2% dos votos e 12 concelleiros, superando ao candidato do BNG, que só acadou 7 concelleiros e o 28% dos votos. En 2011 repetiu como candidato do PP á alcaldía de Pontevedra e obtivo 11 concelleiros.
Nas eleccións xerais de 2011 formou parte da lista de candidatos do PP pola provincia de Pontevedra e resultou elixido deputado, actividade que desenvolve na actualidade.
Relacionadas:
-
Un funcionario de Aduanas, número 2 de Telmo Martín; Paz Lago, María Deza e Marcos Guisasola siguen
Por Alejandro Espiño |
-
Catalina González renuncia a presidir o Grupo de Desenvolvemento Rural do Salnés
Por Redacción |
-
Salvador Durán abandona a xestora do PP polo "erro colectivo" da designación de Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín encara o seu terceiro asalto á Alcaldía de Sanxenxo con "máis ilusión que a primeira vez"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Paz Lago, pendente da xuntanza entre Louzán e Catalina e da decisión do partido
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán asegura que "non hai que descartar nada" en Sanxenxo, incluída a volta de Telmo Martín
Por Alejandro Espiño |