Unha semana de ceos despexados e temperaturas agradables
O frío causado polos ventos do norte que a pasada fin de semana azoutaron Galicia intercámbianse este luns 16 por unha sensación térmica máis suave, segundo MeteoGalicia. Este cambio é debido á situación intermedia entre altas e baixas presións que deixará ceos despexados durante a mañá e que irán cubríndose por nubes altas durante a tarde. As temperaturas mínimas sofren un lixeiro descenso situándose en 3 graos, mentres que as máximas experimentan un ascenso ata alcanzar os 14 graos.
O martes 17 trae un considerable ascenso das temperaturas con 8 graos de mínima e 16 graos de máxima. Ademais, un centro de altas presións pouco profundo que se situará preto de Galicia provocará un aumento da inestabilidade atmosférica. Con esta situación os ceos presentarán intervalos anubrados cunha probabilidade do 20% de chuvascos illados e ocasionais durante a tarde no sur de Pontevedra.
A xornada do mércores estará baixo a influencia anticiclónica, pero o movemento dun embolsamento de aire frío en altura cara ao sur da Península xerará certa inestabilidade. Con esta situación espéranse pola mañá ceos con nubes altas e a alternancia de nubes e claros pola tarde coa probabilidade de chuvascos. Aínda que as temperaturas non sufrirán moitos cambios si haberá un lixeiro ascenso da máxima ata os 17 graos e os ventos soprasen de forma moderada nas Rías Baixas.
O xoves 19 transcorrerá con poucos cambios, un lixeiro ascenso das mínimas e unha máxima de 18 graos con ceos pouco anubrados ou despexados pola mañá. Pola tarde haberá un aumento das nubes. Os ventos soprarán dende o nordés moderados con intervalos fortes no litoral.
A previsión de MeteoGalicia a medio prazo prevé para esta fin de semana e venres festivo uns días soleados e sen chuvias, e aínda que os ventos do norte que soprarán farán que a sensación térmica sexa mais fría a temperatura media para estes días será dunha media de 6 graos nas mínimas e de 15 graos nas máximas.