As obras no parque empresarial de Nantes rematarán en abril
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo poñerá en abril a disposición dos propietarios as obras realizadas, segundo informou Catalina González ao consello reitor.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e a concelleira de Urbanismo, María Deza, acudiron este mércores á reunión do consello reitor do Solo Urbanizable (SU) número 15, en Nantes, para informar a este órgano acerca da situación das obras adxudicadas polo Goberno municipal neste ámbito. A rexedora local comunicou que o próximo día 4 rematarán os traballos correspondentes ao retranqueo da liña que cruza o parque empresarial, a instalación de centros de transformación e a reposición de danos.
"A partires dese momento poremos a disposición as obras da xunta de compensación coa finalidade de que os propietarios as entreguen a Unión Fenosa, que será a firma que terá que xestionalas", comentou a rexedora local.
Catalina González apuntou ademais que o Concello de Sanxenxo está a preparar nestes momentos a licitación relativa ao tendido da rede eléctrica en baixa. Por iso, durante o encontro celebrado este mércores, a alcaldesa trasladou aos asistentes a necesidade de solucionar o último escollo pendente antes da recepción do Parque Empresarial por parte da Administración sanxenxina, como é o saneamento definitivo que transcorre polo termo municipal de Meaño.
A este respecto, a rexedora explicou que os propietarios do SU 15 deberán desenvolver unha colaboración co concello limítrofe, ben para dispoñer dos terreos necesarios polos que deberá conducirse o servizo ou ben para colaborar coa Administración meañesa, ao estar interesada á súa vez na consecución dunha senda peonil paralela ao río pola mesma zona prevista para as instalacións do parque empresarial.
Por este motivo, a alcaldesa xestionou para o consello reitor unha reunión co presidente da Deputación de Pontevedra, que tivo lugar a semana pasada, na que lle solicitaron apoio de cara a poñer en marcha o devandito proxecto. Ante esta petición o presidente Rafael Louzán comprometeu a colaboración do organismo provincial para levar a cabo esta actuación o antes posible.