Ultiman a renovación e reordenación de espazos da Casa da Cultura de Estribela
Por Redacción
A Casa da Cultura de Estribela foi a primeira que puxo en marcha o Concello de Pontevedra, alá polo ano 1999, cando tomou posesión como alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Dezaseis anos despois precisa dunha profunda renovación que se acometerá moi pronto.
O Concello de Pontevedra iniciará en breve a reordenación dos espazos destas instalacións, situadas na praza de Marqués de Valterra, enriba do Mercado.
O próximo martes 24 de marzo celebrarase unha xuntanza coas asociacións e entidades que empregan habitualmente esta sede para acordar entre todos o momento idóneo para iniciar as obras, dado que algunhas delas manteñen actividades neste momento no local.
A reforma que acometerá o Concello pretende dotar de máis versatilidade aos espazos da Casa da Cultura. Deste xeito dividirase o salón de actos -que ten moito espazo - para crear despachos e aulas, retirarase unha barra de bar instalada no local, tamén se insonorizarán as zonas das neveiras do piso inferior, entre outras obras.
Estas dependencias, que teñen moito uso veciñal, xa precisaban unha renovación e tamén unha reordenación dos espazos para dar saída a novas actividades e usos que se desenvolven nelas na actualidade.