O superávit do Concello de Pontevedra supera os 4,8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O ano 2014 bota un superávit de 4.813.017,43 euros. Ese é un dos datos que se conclúen do avance da liquidación anual das contas municipais. Así o deu a coñecer este luns o voceiro do Goberno local, Raimundo González, que informou diso como un dos acordos da xunta de goberno. Indicou que o dato, ofrecido polos servizos de Intervención da Casa do concello, "demostra que o Concello está saneado" permitindo cumprir co teito de gasto e manter a estabilidade presupostaria.
A este superávit fáltalle incorporar o presuposto consolidado do Pazo da Cultura e do Instituto Municipal de Deportes, que son deficitarios.
Raimundo González sinalou como un dos datos máis destacados a cifra de remanentes, que alcanzan os 11.400.996,85 euros.
González Carballo precisou que esta cantidade "non é un superávit", é dicir, non se trata da diferenza dos ingresos sobre os gastos senón que son os beneficios non repartidos nin aplicados especificamente a ningunha outra conta, tras a aprobación das contas anuais e da distribución de resultados, polo que asegurou que "miden moito mellor a situación económica do Concello".
O responsable de Economía e Facenda do Concello, destacou que se lograron as cifras récord de execución do gasto, que cifrou nun 93,33%.
O avance da liquidación anual das contas municipais permite coñecer que o presuposto definitivo do 2014 foi de 78.752.000 euros. Recordemos que as contas que se aprobaran foron de 66 millóns.
Un último dato ofrecido foi o do diñeiro que ten o concello en caixa que é de 18.027.377,45 euros.