Sancionan seis 'praceiras' morosas por non pagar as taxas municipais
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns seis expedientes sancionadores a outros tantos concesionarios na praza de abastos. Quedan pendentes para a próxima semana outros dous expedientes que non se puideron notificar.
Os expedientes non tiveron alegacións en contra.
Estas sancións económicas enmárcanse no proceso de regularización administrativa do mercado de abastos iniciado pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, que propuxo estes oito expedientes, sete referidos á praza de abastos da rúa Sierra e un ao mercado de Estribela, que suman débedas por un valor próximo aos 14.000 euros.
Tal e como establece o regulamento municipal do mercado de abastos as multas son de 100 euros, agás en dous dos casos, que se multa por 30 euros máis o aboamento das taxas pendentes.
O Concello resérvase a posibilidade de incoar expediente de extinción da concesión polo non pagamento de tres mensualidades consecutivas ou de cinco alternativas no período dun ano.
O mercado é un servizo deficitario que leva dez anos coas taxas conxeladas e con 88 postos vacantes tras o último proceso de adxudicación.