Que lle custa máis ás arcas municipais? Os preitos do PP ou as viaxes do alcalde?
Por Alejandro Espiño
Esa é a pregunta que quedou no aire tras o Pleno municipal deste luns. Todo a partir dunha interpelación de Jacobo Moreira ao alcalde. O voceiro popular quería coñecer os detalles sobre a axenda institucional de Fernández Lores nas súas viaxes e os gastos que supuxeron para os pontevedreses. "Só un ou dous tiveron custo", sinalou o rexedor sen entrar en máis detalle. O Concello, dixo, gastou máis nos "preitos e recursos" presentados polo PP.
O debate entre ambos os dous comezaba con Jacobo Moreira recordando as viaxes que, nos dous últimos anos, protagonizou o alcalde: Austria, Portugal, Bruxelas, Roma, Florencia, Madrid ou Dubái, entre outros. "Viaxes das que coñecemos a parte lúdica pero descoñecemos o seu aproveitamento e beneficio para a nosa cidade", explicaba o voceiro popular, especialmente interesado nos contactos establecidos para atraer investimentos para Pontevedra.
De non dar explicacións sobre estas cuestións, sinalou Moreira, o alcalde estaría a dar pé a que "siga ese run run de que o alcalde viaxa gratis a costa dos veciños".
Tras esta primeira intervención, Miguel Anxo Fernández Lores criticou os argumentos "demasiado simples" do voceiro popular. Recordou que a "maioría" dos veciños de Pontevedra están "contentos" dos recoñecementos e da proxección internacional da cidade en relación co seu modelo urbano, agás os membros do Partido Popular. "ÿ triste, pero é así", afirmou o alcalde.
Fernández Lores, que lamentou a "marrullería" de Moreira e os seus, recordou que tamén Rafael Louzán ou Núñez Feijóo realizan este tipo de viaxes pero, no caso de Pontevedra, a "inmensa maioría" non supuxo gasto ningún para o Concello, ao correr a cargo da organización do evento en cuestión. Tanto, dixo, que tampouco gasta nas visitas doutros municipios á cidade. "Somos como a virxe do puño", destacou o alcalde.
Pero os populares, non contentos coas explicacións de Fernández Lores, acusaron o alcalde de mentir. Neste sentido, Jacobo Moreira mostrou facturas polos gastos e axudas xerados nunha viaxe a Torrevieja (Alacante) ou dunha estanza en Barcelona. Ademais, o voceiro do PP en Pontevedra aproveitou para adiantar que se logra ser alcalde tras o 24-M se compromete a que haxa a "máxima transparencia" en cada unha das súas viaxes.
"A onde non viaxo eu é a Suíza", ironizou un Fernández Lores que desvelou que na recente viaxe a Dubái, a punto estivo de haber unha misión comercial que se frustrou no último momento. "E o PP o sabía", polo que lle dixo a Moreira que " se tivera a máis mínima decencia, tería que estar caladiño,". Reiterou que "leva mal que Pontevedra sexa un referente" e o acusou de "destilar bile" contra o modelo urbano. Todo iso, sinalou, porque "no fondo, non lle quere a Pontevedra".
Relacionadas:
-
O PP pide que se inclúan na web do Concello datos sobre as viaxes institucionais
Por Redacción |
-
O PP reclama saber cales son as viaxes "a custo cero para o erario público" que realizou o alcalde
Por Redacción |
-
O PP insiste en que as viaxes do alcalde "non son de balde" e desvela máis facturas
Por Redacción |
-
O saneamento en Mourente e Bora, pendente das obras de Fomento na N-541
Por Alejandro Espiño |
-
Lores: "O PP leva moi mal que Pontevedra se posicione a nivel internacional e que nos dean premios"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada