Canceliñas pide perdón ao médico portugués que secuestrou en 2013 e di que o trataron ben
Por Oskar Viéitez
No medio dunha expectación mediática inusitada na Audiencia de Pontevedra este martes compareceu ante o tribunal da Sección Cuarta, Saturnino Marcos Cerezo Cancelas, Canceliñas, acusado dunha serie de feitos delituosos acontecidos entre o 28 de outubro e o 28 de novembro de 2013 que inclúen roubo con violencia e intimidación, lesións e secuestro dun médico portugués ao que hoxe o acusado pediu perdón.
Canceliñas recoñeceu ante os maxistrados pontevedreses que xunto ao seu compañeiro, Álvaro Miguel dos Santos Barbosa, secuestrou este "pobre hombre" aínda que asegurou que o trataron moi ben, mesmo "lo llevamos a desayunar a un restaurante", afirmou.
O doutor Antonio Costas Veloso recoñeceu este bo trato "de Marcos y de Álvaro", e que Canceliñas xa lle pedira perdón anteriormente polo secuestro. O galeno, que chiscou un ollo ao seu secuestrador ao encontrarse con el durante o xuízo, comunicou a súa renuncia a cobrar unha indemnización polo sucedido, a pesar de ter que recibir atención psicolóxica.
Segundo o seu relato dos feitos, Canceliñas apuntouno cunha escopeta recortada no aparcadoiro dun supermercado na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez roubándolle diñeiro en efectivo e as tarxetas de crédito cos seus números segredos. Logo obrigárono a subir ao coche que conducía o segundo acusado, liberándoo 24 horas despois nun monte en España cunhas moedas e unha lanterna.
Álvaro Miguel só respondeu a preguntas da súa avogada asegurando que participou no secuestro xunto a Canceliñas porque tiña medo a que fixese dano á súa familia.
Ambos os dous acusados admiten a súa autoría do secuestro pero rexeitan a acusación da Fiscala respecto ao presunto atraco dunha casa en Torneiros (O Porriño). Segundo declararon na vista oral, tanto Canceliñas coma o seu compañeiro, actuaron en defensa propia cando foron atacados pola presunta vítima cunha arma e indicaron que os disparos que feriron a parella do dono da casa se produciron de xeito fortuíto durante o forcexo.
Os avogados que exercen as defensas dos acusados insistiron coas súas preguntas na relación existente entre o propietario do inmoble e Canceliñas, quen asegurou que a súa presunta vítima era un traficante para o que traballou e ao que, tras saír de prisión, lle comunicou que ía deixar de facelo.
Tanto o propietario da casa, coma a súa noiva e o seu fillo declararon como testemuñas dando unha versión contraria á dos acusados, dos que dixeron que entraron na vivenda de xeito "muy agresiva", pegando tiros, un dos cales alcanzou á muller na nádega.
En canto á última das acusacións, Canceliñas e Barbosa negan ter atracado unha gasolineira en Tui. O empregado da gasolineira foi incapaz de identificar os acusados como os seus atracadores xa que os asaltantes levaban un casco de moto e un pasamontañas cubríndoos o rostro.
O xuízo continuará o próximo xoves 26. A fiscal pide 28 anos de cárcere para Canceliñas e 25 para Barbosa.