Agustín Fernández cualifica de "frivolidade" a denuncia da ANPA do Álvarez Limeses
Por Alejandro Espiño
Sorprendido e molesto. Así está o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, despois de que a ANPA do colexio Álvarez Limeses anunciase que denunciarán ante o xulgado as subvencións municipais a estas asociacións. En declaracións a PontevedraViva, o edil socialista asegurou estar "absolutamente tranquilo" acerca da actuación do goberno municipal neste asunto e cualificou esta decisión de "frivolidade".
Agustín Fernández, que mostrou o "máximo respecto" á decisión desta ANPA, sinalou que non comparte o "fondo e ás formas" empregadas pola directiva dos pais deste colexio porque en todo o ano 2014 "non me consta" que pedisen unha entrevista con el como responsable de Educación no Concello de Pontevedra para falar sobre este asunto "aínda que só fora por cortesía".
Tras recordar que Pontevedra é a "única administración" que dá subvencións directas ás ANPAS, Fernández apuntou que as bases reguladoras destas axudas que agora impugnan os pais do Álvarez Limeses son as mesmas "dende hai moito tempo". Explicou que esta asociación participou sempre destas subvencións, cobrando "o que lles correspondía" e nunca houbo, dixo, "ningunha queixa".
Aínda que esperará a que se pronuncie a xustiza, non descarta tomar medidas legais: "valorareino despois de que decida a Fiscalía"
Ademais, ao socialista sorpréndelle que esta ANPA personalice nel este conflito cando "non participo para nada do reparto das subvencións", xa que explicou que as bases destas axudas, se aproban en Xunta de Goberno, se conceden sobre a base dunha proposta da xefa de servizo e foron ratificadas por unanimidade, como foi este caso en cuestión, por todos os membros da respectiva comisión informativa, incluídos os concelleiros do Partido Popular.
Agustín Fernández non quixo vincular esta denuncia ás inminentes eleccións municipais, pero afirma que lle "sorprende" que se cuestione o labor de dúas persoas "que van na lista do PSOE" e non do resto das persoas que participaron en todo este proceso. En todo caso, reiterou que o Concello actuou en todo momento seguindo o procedemento administrativo correspondente e non houbo "discrecionalidade" ningunha na concesión destas axudas.
O concelleiro de Educación si destacou que lle parece unha "frivolidade" que a ANPA do Álvarez Limeses ameace con ir pola vía penal, por se desta actuación puidese derivar nun presunto delito de prevaricación. Estas son, apuntou, "palabras maiores" e afirmou que neste tipo de cuestións "hai que ser rigorosos". De aí que, aínda que esperará a que se pronuncie a xustiza, non descarta tomar medidas legais: "valorareino despois de que decida a Fiscalía".
Relacionadas:
-
Os pais do Álvarez Limeses demandan ao Concello por unha subvención
Por Redacción |
-
Pais de alumnos do Álvarez Limeses denuncian ao Concello ante o xulgado e a Fiscalía
Por Oskar Viéitez |
-
A Anpa do Álvarez Limeses sostén que Agustín Fernández xa estaba informado das súas reivindicacións
Por Redacción |