As reformas municipais fan un parón polo Nadal
Por Oskar Viéitez
Quedou aberta a conexión da Praza da Ferrería coa rúa San Román, os traballos que faltan para rematar a reforma da rúa quedan agora suspendidos ata logo do Nadal, "para non orixinar molestias ao comercio".
O concelleiro de mobilidade do Concello de Pontevedra. Luís Bará, supervisou hoxe os traballos e recoñeceu o "pequeno retraso" que acumulan as obras, ocasionado polo mal tempo.
A maiores estanse acometendo algunhas melloras como a instalación dun cadro eléctrico soterrado que evitará as instalacións provisionais habilitadas para a realización dos espectáculos que acolle este céntrico enclave urbano.
A actuación consistiu, a nivel superficial, na eliminación das barreiras arquitectónicas deixando todo este espazo ao mesmo nivel, aínda que "por baixo" hai toda unha serie de servizos novos como saneamento, auga, gas, cable e outros avances importantes.
No mes de xaneiro "logo de Reis" cando se retomen os traballos continuarase cara ao Paseo de Odriozola, entre o Edificio dos Sindicatos e o Savoy.
"Para o futuro quedará a reforma do pavimento da Praza da Ferrería, que desde a súa reforma no ano 1986, sufriu moitos danos polo paso de maquinaria pesada", con todo o momento económico non é o máis oportuno para acometer este investimento, dixo Bará.