O pavillón da ONCE xa pode usarse; a antiga residencia terá que esperar un pouco máis
Os deportistas da Escola Hungaresa de esgrima e o Mace Sport de taekwondo xa teñen novas instalacións para adestrar. Tras completarse unha serie de reformas no antigo pavillón da ONCE, cedido ao Concello de Pontevedra en virtude do convenio asinado entre ambas as dúas partes, estes dous clubs son os primeiros que fixeron uso deste para preparar as súas respectivas competicións.
O resultado destas pequenas intervencións foi obxecto dunha visita que, na tarde do xoves, protagonizaron Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces. O alcalde explicou que era un espazo que estaba "inutilizado" e que o goberno municipal rescata para o uso destes dous equipos "importantes" dentro do deporte pontevedrés.
"Vai a ser unha referencia para eles e o van utilizar ao máximo", asegurou Fernández Lores, tras destacar que a intervención municipal neste espazo supuxo o arranxo das goteiras, a rehabilitación dos vestiarios -creando un masculino e outro feminino- ou a instalación dunha nova rede eléctrica para separar o seu consumo do colexio da ONCE. Posteriormente, mellorarase o sistema de calefacción e auga quente e actuarase sobre a pista do pavillón.
Este é o primeiro paso para que, en breve, o Concello de Pontevedra poida facer uso da residencia anexa, que xa foi obxecto dunha serie de melloras. Pero ao estar situado o edificio dentro dunha propiedade privada, a ONCE debe tramitar unha serie de expedientes relacionados cun vial que o organismo debe ceder para que se poidan conceder as licenzas de obras ás asociacións que ocuparán o inmoble.
Neste sentido, o alcalde sinalou que o organismo "está cumprindo" co procedemento administrativo correspondente. Unha vez resólvase toda esta armazón burocrático, o Concello poderá ceder o seu uso ás asociacións e entidades que xa mostraron o seu interese neste espazo. Cada unha das plantas repartirase entre Amencer, Juan XXIII, Amizade e Xuntos, que deberán asumir as reformas interiores a realizar.
Ademais das asociacións de veciños de Campolongo que xa están a utilizar os baixos deste edificio, a antiga residencia servirá como sede, entre outras, da Coral Polifónica, a Sociedade Galega de Antropoloxía ou o Fondo Galego de Cooperación.
Relacionadas:
-
A ONCE reactiva o seu convenio urbanístico co Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O traslado de colectivos sociais ao centro cívico de Campolongo, pendente dun trámite da ONCE
Por Alejandro Espiño |
-
Catro asociacións do ámbito da discapacidade 'capitanearán' o centro cívico de Pontevedra Sur
Por Alejandro Espiño |