Ordenan repetir o xuízo con xurado polo fraticidio de Guillán entre fortes críticas ao xuíz
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra deberá repetir o xuízo con xurado no que en xullo de 2014 resultou condenado o arousano Santiago Gómez Lorenzo por disparar coa súa escopeta ao seu irmán Alfonso en Guillán (Vilagarcía) causándolle a morte.
Ese novo xuízo realizarase en resposta a unha sentenza emitida pola Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coa que anula o fallo ditado previamente pola Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. O tribunal galego ditou esta sentenza tras revisar os recursos presentados polo acusado e pola acusación particular, que exercen as fillas e a viúva do irmán falecido, e estimar o presentado pola acusación, que achegaba seis razóns polas que a vista oral celebrada en Pontevedra debería repetirse.
O xurado popular considerou a Santiago Gómez culpable dun delito de homicidio imprudente, coa concorrencia das circunstancias modificativas da responsabilidade criminal atenuantes de lexítima defensa, medo insuperable, estado de necesidade, estado pasional, confesión e reparación do ano e, en virtude do veredicto, o xuíz condenouno a once meses e medio de prisión. Esa sentenza é a que agora queda anulada.
O TSXG considera "incomprensible" unha das decisións do presidente do tribunal
Ao anular a sentenza, os maxistrados do TSXG ordenan devolver a causa á Audiencia para a celebración dun novo xuízo no que haxa un presidente do tribunal e un xurado popular diferentes. Motivan esta decisión cunha resolución moi dura co presidente do tribunal, o maxistrado da Sección Segunda da Audiencia José Juan Barreiro Prado.
O TSXG estima que se privou o xurado popular da posibilidade de pronunciarse sobre a existencia das agravantes de parentesco e abusos de superioridade. Os maxistrados consideran "incomprensible" que o presidente do tribunal "non procedese de entrada a someter ao xurado o obxecto do veredicto incluíndo os correspondentes feitos relativos ás circunstancias modificativas da responsabilidade de que se trata, e despois que non as incluíra cando expresamente a acusación particular o solicitou".
Engade a resolución que "o que de ningún xeito acertamos a comprender é que o maxistrado-presidente proceda a motivar -á marxe do veredito e con posterioridade á súa emisión- a non concorrencia dunha e outra circunstancia tras furtar o xurado a posibilidade de pronunciarse sobre a declaración como probados ou non dos correspondentes feitos no seu caso determinantes da apreciación ou non destas".
Relacionadas:
-
Un acordo cunha condena a dous anos de prisión evita volver xulgar o crime fraticida de Guillán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia deberá repetir o xuízo polo crime de Guillán cun xurado diferente e un novo maxistrado
Por Redacción |
-
O Supremo ordena ditar nova sentenza contra o condenado de matar o seu irmán en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo polo fraticidio de Guillán (Vilagarcía): "Aquí los hermanos se llevaban todos fatal unos con otros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O acusado de matar o seu irmán dun disparo en Vilagarcía deféndese: "Fue por instinto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |