Os veciños de A Reigosa dispoñerán da nova rede de saneamento a partir de principios de verán
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitou as obras de saneamento de A Reigosa, en Ponte Caldelas, durante a mañá deste venres 27 xunto ao alcalde da localidade Perfecto Rodríguez e José Luis Díez, xefe territorial de Medio, Territorio e Infraestruturas.
As obras que se iniciaron o pasado mes de xullo poderían estar acabadas para o próximo mes de maio e os veciños poderán conectarse á rede de saneamento a principios de verán, segundo trasladaron os técnicos da Consellería de Medio, Territorio e Infraestucturas ao delegado territorial.
Este traballo consta cun orzamento de 700.500 euros do que un 80% procede dunha achega de fondos europeos e o 20% restante vén da Consellería de Medio.
A obra consiste na execución dunha rede de colectores cunha lonxitude total de 5.800 metros e a construción dun depurador que dará servizo a unha poboación equivalente de 250 habitantes. Ademais dos correspondentes pozos de rexistro que son un total de 171.
Ata o momento están rematados tres quilómetros de colectores, a obra civil e os humedais deste sistema EDAR (sistema de depuración de augas residuais). A partir de agora os traballos centraranse na instalación dos equipos do depurador que está dimensionar para unha poboación de 314 habitantes.
Este sistema permitirá un elevado rendemento de depuración cun baixo consumo enerxético que aforrará custos ao concello como futuro explotador da infraestrutura. Ademais, é unha aposta que permite unha sostibilidade ambiental co que Augas de Galicia ten experiencia.