Perfecto Rodríguez asegura que A Reigosa segue sen saneamento por "deixamento" do Concello
Por Redacción
O Partido Popular entende que hai "deixamento" no goberno municipal de Ponte Caldelas por non poñer ata agora en funcionamento o servizo de saneamento no núcleo da Reigosa. Perfecto Rodríguez lembra que as obras finalizaron xa na primavera e foron entregadas pola Xunta de Galicia ao Concello a principios de xuño, despois dun investimento total de máis de 750.000 euros para instalar a rede de colectores e construír a depuradora.
Para poder activar este servizo, segundo o PP, só é necesario que os operarios municipais supervisen as instalacións e coordinen as conexións que deben facer os propietarios das vivendas que soliciten as acometidas. Así mesmo estaba previsto que mediante o servizo municipal de obras se realizasen as conexións a dúas ou tres vivendas que faltan, unha vez que solicitasen a conexión.
"Cónstame que hai veciños que teñen problemas cos seus pozos negros e fosas sépticas, polo que non entendo como estas instalacións estiveron en desuso durante todo este verán, cando podían estar xa dando servizo aos veciños", asegura Perfecto Rodríguez.
Ademais o ex alcalde explicou que a EDAR da Reigosa non necesita aporte de auga para o seu funcionamento, ao tratarse dunha depuradora de filtros biolóxicos con humidais. A acometida de auga que se fixo é só para que o operario que leve o mantemento teña unha billa onde lavar as mans ou as ferramentas que teña que utilizar, algo obrigatorio pola propia normativa laboral de seguridade e saúde.
Toda esta situación, apunta Rodríguez, foi detallada no informe do traspaso de poderes que lle deixou ao novo alcalde, e asegura que os membros do grupo de goberno "prefiren fotografarse en festas e outros eventos antes que xestionar os servizos municipais como a rede de sumidoiros que neste caso poderían ter xa os veciños da Reigosa desde o pasado verán".
Relacionadas:
-
A comunidade de augas da Reigosa asina un acordo para o abastecemento da depuradora
Por Redacción |
-
Andrés Díaz acusa ao ex alcalde de ser o responsable dos atrasos no alcantarillado da Reigosa
Por Redacción |
-
Xa están listas as obras de saneamento do núcleo da Reigosa
Por Redacción |
-
Os veciños de A Reigosa dispoñerán da nova rede de saneamento a partir de principios de verán
Por Elsa Juliá Sánchez |