Andrés Díaz acusa ao ex alcalde de ser o responsable dos atrasos no alcantarillado da Reigosa
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, respondeu este martes ás críticas que lle fixo nos últimos días o ex alcalde e líder do PP, Perfecto Rodríguez, que lle botaba en cara o "deixamento" do goberno local de Ponte Caldelas por non poñer en funcionamento o servizo de saneamento no núcleo da Reigosa. O actual rexedor municipal desmínteo e sinala que este servizo non se puxo en marcha polas "múltiples e notables deficiencias" que atribúen ao anterior equipo de goberno.
Andrés Díaz indica que esas deficiencias detectadas obrigaron a esixirlle á empresa que está a executar os traballos que faga as correcións oportunas e foi necesario inspeccionar por completo a obra para "evitar sorpresas de última hora" que poidan causar algún prexuízo como, segundo o alcalde, "está a ocorrer noutras infraestruturas similares herdadas da administración que presidía Perfecto Rodríguez".
O novo goberno local asegura que "estamos a solucionar problemas e compromisos incumpridos" polo anterior alcalde como a reposición de muros e que iso está a dificultar a entrada en servicio do mesmo. Estes traballos serán acometidos con cargo ao orzamento do vindeiro ano por carecer agora de posibilidades económicas para poder realizalos.
Ademais, Andrés Díaz asegura que, ao contrario do que dixo públicamente Perfecto Rodríguez, o equipo de goberno puido comprobar que o anterior rexedor ordenou a conexión da EDAR á traída de augas veciñal sen solicitar nin agardar pola autorización nin da Comunidade de Montes da Reigosa nin da Comunidade de Augas "que se queixaron abertamente deste feito nunha recente asemblea celebrada na Casa do Pobo".
"Estráñanos moito a súa preocupación agora polos veciños da Reigosa cando sempre fixo as cousas sin contar con eles, dun xeito prepotente e arrogante", indica ao respecto o actual alcalde.