O PSOE califica de "cacicada" a provisión de postos de traballo para "estómagos agradecidos" na Deputación
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE considera que a promoción prevista dos xefes de servizo na Deputación de Pontevedra é unha auténtica cacicada do presidente Rafael Louzán "ante o conocemento da perda nas próximas eleccións de maio".
Santos Héctor, voceiro na Deputación do grupo socialista e secretario provincial, considerou que a dous meses dunhas eleccións municipais o presidente da institución non debería promocionar aos seus fieis garantíndolles o salario cun concurso para dotar as prazas de xefes de servizo.
O pasado dous de marzo o Boletín Oficial da Provincia publicaba unha resolución de Louzán na que se contempla a dotación das sete prazas de xefes de servizo, "feita a medida dos seus actuais ocupantes", e a consolidación de 26 postos de administrativos no servizo do ORAL. Para os socialistas, sinala o seu voceiro na Deputación, "Louzán e o PP saben que van perder a Deputación e trata deste xeito de blindar os salarios dos seus fieis xefes de servizo".
Ademais dáse a circunstancia de que estes funcionarios "son ou teñen vinculacións con cargos do Partido Popular en toda a provincia" polo que Santos Héctor sinala que esto supón "un feito aínda máis grave de politización da institución ou cando menos de estómagos agradecidos".
Segundo indican os socialistas, estes sete funcionarios, na actualidade, están a percibir "uns dos salarios máis altos na Deputación Provincial", superiores aos 57.000 euros brutos anuais, que deste xeito "quedarían garantidos independentemente de que deixaran o seu posto nun futuro".
"Entre eles se atopan ex concelleiras do Partido Popular, fillos de funcionarios da Deputación e cargos actuais do PP e incluso algún deles ostenta cargo na Federación Galega de Fútbol tras a chegada de Louzán a esta outra institución", afirman dende o PSdeG.
O voceiro socialista na Deputación a segura que puxo o feito en mans dos asesores xurídicos do partido para coñecer se é posible recorrer esta "cacicada de Louzán que fai a dous meses das eleccións municipais".