Portonovo premia a Pepe Deza e o grupo Alkar na Festa da Raia
Por Redacción
Dous referentes de Portonovo, Pepe Deza Sabarís, coa súa perruquería e o grupo musical Alkar, dende os escenarios, foron premiados este sábado no marco da Festa da Raia.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, celebrou a elección do comité organizador nesta edición dos "Raias de Ouro", os premios que concede anualmente esta importante cita gastronómica. "Non poderían ser mellores os elixidos para despedirme", dixo emocionada a rexedora.
A cerimonia de entrega dos galardóns converteuse nun improvisado concerto por parte de Silvia Ferre Trío e cos Alkar de protagonistas facendo as delicias do numeroso público presente na carpa.
NOVE PREPARACIÿNS A BASE DE RAIA
A raia preséntase aos comensais en nove preparacións distintas: á mariñeira, en caldeirada, en empanada, en cornete, en paella ou cóctel, así como raia mariñeira, wok de froitos do mar, polbo e un menú degustación. Ademais das múltiples variedades que elaboran nos restaurantes que colaboran na festa.
Para este domingo o programa considera o Festival de Baile Rexional e Gaita Galega que dará comezo ás 17.30 horas, ademais da Concentración Vespa Raiada, o Certame da Canción Popular ou a presentación do libro "Mulleres entre redes", de Ana Cancelas Muras.