Unha explosión destrúe o interior dun piso na rúa Benito Corbal
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os Bombeiros de Pontevedra acudiron esta madrugada á rúa Benito Corbal tras ser alertados dunha forte explosión no interior dun piso.
Segundo informaron os Bombeiros o suceso tivo lugar á 1:23 horas desta madrugada no 4-B do edificio número 50 desta céntrica rúa.
Como consecuencia da explosión caeu un dos tabiques interiores da vivenda, así como un ventanal e varias portas. Afortunadamente non houbo danos persoais e a parella que reside neste piso resultou ilesa.
As primeiras medicións de gas ofreceron un resultado negativo, pero os bombeiros pontevedreses atribuíron a un escape de gas a causa da deflagración. Por este motivo avisaron os técnicos de Gas Natural, empresa que dá servizo a este edificio, para que comprobase o estado da instalación.
Por seguridade o edificio foi desaloxado.
Ata as 7.20 desta mañá permaneceron os bombeiros na zona así como unha patrulla da Policía Local que cortou a circulación a esta altura da rúa.
DESCARTAN O ESCAPE DE GAS
Durante a mañá técnicos da compañía subministradora do gas e bombeiros investigan as causas da explosión.
Gas Natural Galicia realizou probas de estanquidade na vivenda dos clientes que resultaron correctas, é dicir que non se detectou presenza de gas na instalación destes, nin no edificio. Tampouco se detectou incendio, nin elementos queimados nin punto de deflagración, polo que a investigación está a descartar, en principio, a posibilidade de explosión de gas, segundo informan fontes oficiais da compañía subministradora.