Juan Carlos Aladro, fiscal xefe de Pontevedra outros cinco anos
Por Redacción
Juan Carlos Aladro será fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, polo menos, cinco anos máis. O ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, acaba de confirmar o seu nomeamento despois de que presentase a única solicitude para seguir á fronte do Ministerio Público pontevedresés no proceso de presentación de candidaturas aberto o 20 de novembro.
Aladro chegou á fronte da Fiscalía de Pontevedra en novembro de 2007 despois dun proceso electoral no que si lle saíran dous competidores (César del Pozo e Augusto Santaló), pero tras cinco anos exercendo o cargo ten grangeado as simpatías e respecto dos seus compañeiros de toda a provincia e ningún presentou unha candidatura alternativa.
O xa novo fiscal xefe presentou a súa candidatura ante o o fiscal xeneral do Estado, Eduardo Torres-Dulce e, unha vez que tivo o visto e prace deste, o seu nomeamento chegou ao último Consello de Ministros, celebrado o venres 21 de decembro. Nel, ratifícase a Aladro e este sábado 22 de decembro publicouse o seu nomeamento de forma oficial no Boletín Oficial dle Estado.
Juan Carlos Aladro acumula 23 anos de experiencia na Fiscalía. Natural de León, a práctica totalidade da súa vida profesional está vinculada a Galicia e na última década e media Pontevedra. En Vigo despuntou como fiscal responsable da área de delitos contra a ordenación do territorio e o medio. Dende alí saltou á Xefatura Provincial da Fiscalía e botouse sobre as súas costas os casos máis complicados que caeron na provincia nos últimos anos.
A pesar de que en petit comité recoñeceu nos últimos meses que estaba xa moi esgotado pola carga de traballo que supoñía o posto, animado polos seus compañeiros, presentou a súa candidatura para continuar e así poder rematar algunhas das investigacións que capitanea.