Rescatan 173 sapos dunha canle de rega en Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
O luns día 6 de abril persoal de ADEGA - Charcas con Vida xunto con persoal da Dirección Xeral de Conservación da Natureza puideron rescatar case 200 sapos atrapados nunha canle de rega no concello de Ponte Caldelas, no lugar de Parada.
A canle de rega mide uns dous quilómetros aproximadamente e atópase practicamente en desuso, transcorre paralela ao río Verdugo nun terreo cunha elevada pendente. Na parte máis elevada ten un certo aporte de auga que nestes días mantén cunha profundidade de 10-20 centímetros aproximadamente. Porén conforme se vai avanzando vai perdendo auga e dende a metade atópase practicamente seca. A canle ten unhas paredes laterais e verticais de 80 centímetros de alto en toda a súa lonxitude que supoñen unha trampa mortal para moita da fauna do lugar.
Nesta época decenas de sapos baixan por este monte dirección ao río, pero no camiño atópanse con esta barreira. Nas partes nas que aínda ten auga poderán desovar pero lamentablemente xa non poderán saír, as paredes laterais da canle convértense nunha trampa mortal para eles e para outros moitos anfibios que se achegan ao lugar para desovar ou alimentarse.
A maioría dos limpafontes que se atoparon atopábanse coa pel totalmente seca. Para estes organismos que probablemente se achegaron á canle buscando auga para poñer os seus ovos, as paredes da mesma constitúen unhas barreiras imposibles de salvar. A escasa pluviosidade destas datas non fai máis que agravar o problema e a auga cada vez é máis escasa.
O luns 6 de abril, o persoal de ADEGA-Charcas con Vida coñecendo esta problemática achegouse ata alí. Camiñaron pola canle buscando e rescatando 6 especies de anfibios, sendo o sapo común o máis numeroso (173 exemplares), e 2 de réptiles, alén de atopar outros organismos mortos que non tiveron a mesma sorte. Os exemplares recollidos foron liberados en varias charcas e regatos cercanos.
En días anteriores o persoal da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ten retirado 60 sapos, ra dos regos, e limpafontes. Nos vindeiros días realizaranse máis visitas a este lugar para a retirada de anfibios evitando así a súa morte.