Expulsan de España os romaneses condenados por roubar en casas da Lama
Por Oskar Viéitez
O presidente da Asociación de Veciños de Xesta, Enrique Vaqueiro, expresou a súa "absoluta satisfacción" pola expulsión do país dos cidadáns romaneses condenados por roubar en casas da Lama e que tanta alarma social xeraron entre os seus veciños.
O pasado mes de xuño estas persoas foron detidos nunha macrooperación da Garda Civil acusadas de formar parte dun grupo organizado. A operación foi dirixida polo Xulgado de Instrución Número 1 de Pontevedra.
"Quero mostrar a miña absoluta satisfacción polo coñecemento de que os cidadáns detidos na operación da Garda Civil foron expulsados do país, tal e como o pediramos dende o primeiro momento", declarou Enrique Vaqueiro.
Despois de ser condenados a penas de prisión no xulgado os procesados dispuxeron da opción de elixir entre cumprir a condena en cárceres españois ou ser expulsados do país, acolléndose todos eles a esta segunda posibilidade. Isto non significa que cumpran penas de prisión en Romanía, pero si que non poderán volver a entran no territorio nacional español por un período de 10 anos, segundo o acordo ratificado en sentenza firme.
Igualmente o voceiro veciñal e candidato do Partido Socialista á Alcaldía da Lama mostrou o seu agradecemento á Garda Civil e aos funcionarios da administración de Xustiza pola "celeridade, comprensión e apoio a todas as familias de Xesta e Seixido que foron afectados por este caso".
"Espero que non se volvan repetir circunstancias similares no futuro, pois o que rouba agora sabe que o paga", concluíu Vaqueiro.
Relacionadas:
-
Os veciños da Lama recupéranse da ondada de roubos: "hoy el sentir es de tranquilidad"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Veciños de Xesta (A Lama) piden a expulsión do país dos detidos como sospeitosos da vaga de roubos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Garda Civil cifra en 22 os roubos rexistrados na Lama
Por Redacción |
-
O alcalde acusa a Enrique Vaqueiro de crear un "falso" clima de inseguridade cidadá na Lama
Por Redacción |