A Garda Civil cifra en 22 os roubos rexistrados na Lama
Por Redacción
O Cuartel da Garda Civil de Ponte Caldelas ten rexistrados 22 roubos no municipio da Lama, segundo informaron o capitán xefe da terceira compañía da Garda Civil, con base na comandancia de Pontevedra, Manuel Ignacio Espinosa, e o sarxento xefe de posto en Ponte Caldelas, Agustín González, durante a reunión que mantiveron este venres 23 por solicitude do alcalde da Lama, Jorge Canda, cos veciños da zona ante a intranquilidade que existía pola ondada de roubos sufridos dende marzo.
Segundo expuxeron os mandos da Garda Civil, a investigación aberta vai por bo camiño e moi pronto se coñecerán resultados sobre os autores dos roubos: "Neste momento hai 22 denuncias feitas ante nós. Había 14 ata ou 2 de maio, pero nin 40, nin 50. Ata ou día de hoxe son 22", manifestou González Outeda.
Os veciños reclamaron información sobre os medios humanos e materiais que están a vixiar o municipio. Os mandos da Garda Civil asguraron que hai máis patrullas operativas facendo vixilancia nocturna na Lama que "dotacións da Policía Nacional no centro dePontevedra". Afirmaron que manteñen periodicamente controis de identificación nun perímetro comprendido entre Xesta, Pigarzos, Forzáns e Verducido. Os membros da Benemérita incidiron en que os veciños chamen o 062 da Garda Civil sempre que visen algunha actividade sospeitosa.
En todo caso, o capitán Manuel Ignacio Espinosa destacou que os roubos nunca se rexistraron en casas habitadas e que, nunha delas, á que os ladróns accederan por erro ao crer que estaba deshabitada desistiron no roubo ao comprobar que había persoas no interior da vivenda.
Os mandos indicaron tamén que se encontran en contacto continuo con aqueles propietarios de casas roubadas que se encontran en México para mantelos ao tanto das investigacións.