Falece o intelectual e político vilagarciano Gonzalo Bouza-Brey
Por Redacción
O político, historiador e intelectual vilagarciano Gonzalo Bouza-Brey faleceu na madrugada do sábado ao domingo aos 60 anos. O seu corpo será velado no Tanatorio Arosa de Vilagarcía e recibirá sepultura este luns ás 17.00 horas no cemiterio de Rubiáns.
Nado en Vilagarcía o 18 de abril de 1952, Gonzalo Bouza-Brey, integrou a primeira Corporación municipal democrática da súa localidade natal. Integrouse no Partido Comunista na clandestinidade e nas pimeras eleccións democráticas presentouse como candidato e pasou a ser tenente de alcalde no Goberno local coaligado entre o PSOE e o PC.
Ademais da súa faceta política, detaca como intelectual galeguista durante a Transición e os primeiros anos da democracia e exerceu de escritor, xornalista, historiador e etnógrafo, exercendo a maior parte da súa vida persoal e profesional na súa Vilagarcía natal.
Procurador de tribunais de profesión (licenciouse en Dereito e Historia), axudou a fundar máis de sesenta asociacións veciñais e culturais de Arousa, sendo, á súa vez, socio fundador de entidades como a Asociación Cultural de Arousa, Ateneo de Arousa, Padroado da Banda Municipal de Música de Vilagarcía ou a Asociación de Amigos do Ferrocarril Arousa Tren, entre outras.
Ademais de impartir charlas e conferencias por toda España e Iberoamérica, a súa repercusión máis alá da comarca arousana logrouna coa publicación de poemarios como Canto en tres tempos de amor e esperanza e Periplo de amor e mar e libros históricos e etnográficos como Ferro Couselo e o Ateneo do Ullán, Notas puntuais sobor das letras galegas no século XX, Luis Bouza-Brey, obra completa, Os arousáns polo mundo. Nós tamén fumos emigrantes, Luis Bouza-Brey , un poeta en San Simón, Borobó e O alcumario de Arousa, do Ullán e do Salnés.
Na súa faceta xornalística publicou en El Correo Gallego, El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes de Vigo, La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Diario de Arousa.