Sanxenxo contratará 24 auxiliares de policía para reforzar a seguridade no verán
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abriu o prazo de presentación de solicitudes para concorrer ao proceso de selección dos auxiliares da Policía Local que se incorporarán durante os meses de verán ao equipo municipal para reforzar a seguridade cidadá no municipio.
Preténdese incorporar 24 auxiliares, formalizando 10 contratos de duración determinada a xornada completa de luns a domingo, cos correspondentes días de descanso semanal, por un período máximo de tres meses de duración e outros 14 por dous meses.
Para poder participar neste procedemento, os aspirantes deberán contar co título de Graduado Escolar, ESO, Bacharelato ou equivalente, ser maior de idade, ter nacionalidade española e a capacidade funcional para o desempeño das tarefas, ademais de non ser condenado por delito doloso, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas nin separado do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial.
Tamén terán que aboar os dereitos de exame de 7,73 euros, salvo aquelas persoas que presenten a tarxeta de demandante de emprego en vigor.
Os interesados cubrirán unha instancia e achegarán a fotocopia do DNI, da tarxeta de afiliación á Seguridade Social, do título de Graduado Escolar, ESO ou equivalente, e achegarán certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que impida exercer a función propia a desenvolver, así como o currículo extenso detallado, cos documentos que acrediten os méritos alegados.
Todo iso deberá entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Sanxenxo sendo o luns 20 de abril o último día de presentación de solicitudes. A relación de aspirantes admitidos publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web municipal.
O procedemento selectivo levarase a cabo os días 28 e 29 mediante o sistema de oposición e comezará cun control de estatura dos candidatos que, como mínimo será de 1,65 metros para os homes e 1,60 para as mulleres. Tamén será necesario superar unhas probas físicas de salto vertical e de 1.000 metros lisos de carreira para medir a potencia do tren inferior e a resistencia xeral dos concorrentes.
Os candidatos terán que contestar así mesmo unha proba escrita, tipo test, sobre os contidos do temario incluído nas bases da convocatoria, así como asistir a unha entrevista persoal para determinar o grao de coñecemento do termo municipal e da toponimia local.
Pola súa banda, aquelas persoas que non acrediten documentalmente saber a lingua galega terán que someterse a unha proba sobre este idioma.
Relacionadas:
-
Sanxenxo destinará máis de 100.000 euros para custear o reforzo da súa Policía Local no verán
Por Redacción |
-
77 persoas aspiran a traballar en verán como auxiliares da Policía Local en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os polis Paco e Lola ensinarán seguridade viaria aos escolares de Sanxenxo
Por Redacción |