77 persoas aspiran a traballar en verán como auxiliares da Policía Local en Sanxenxo
Por Redacción
Un total de 77 persoas aspiran a lograr unha das 24 prazas de auxiliar da Policía Local convocadas polo Concello de Sanxenxo para reforzar o equipo durante a tempada de verán e preservar así a seguridade de veciños e visitantes na época na que a poboación experimenta un considerable aumento.
A Administración municipal celebrará a próxima semana o proceso selectivo para formalizar 10 contratos de duración determinada a xornada completa de luns a domingo, cos correspondentes días de descanso semanal, por un período máximo de tres meses de duración e outros 14 por dous meses.
O Pavillón de Baltar acollerá o martes a partir das 08.30 horas as probas de actitude física que comezarán cun control de estatura dos candidatos que, como mínimo será de 1,65 metros para os homes e 1,60 para as mulleres. Os admitidos deberán superar tamén outros exames como o de salto vertical e unha carreira de 1.000 metros lisos, cos que o tribunal busca medir a potencia do tren inferior e a resistencia xeral dos concorrentes.
O mércores, ás 10.00 horas, terá lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán, o exame oral co que se avaliará os coñecementos sobre os contidos do temario incluído nas bases da convocatoria, como son os distintos aspectos do termo municipal e a toponimia local.
Pola súa banda, aquelas persoas que non acrediten documentalmente o seu coñecemento da lingua galega deberán someterse a unha proba sobre este idioma.