A imaxe repítese: segundo sábado de protestas contra o crematorio da Reigosa
Por Redacción
Varias decenas de veciños secundaron este sábado a segunda xornada de reivindicacións dos opositores ao proxecto para construír un forno crematorio no polígono da Reigosa. Os manifestantes déronse cita ás portas do Concello de Ponte Caldelas e repetiron as accións do sábado día 4 de abril, que inclúen facer visible o seu rexeitamento á instalación coa súa presenza, con pancartas e con consignas.
Os opositores fan ver desta forma o seu rexeitamento ao crematorio da empresa funeraria San Marcos ante a administración que o apoiou, o Goberno de Ponte Caldelas, pois o Executivo que preside Perfecto Rodríguez deu autorización para a súa construción no polígono industrial nun proceso do que os veciños critican que foi pouco transparente e sen publicidade previa aos posibles afectados.
Esta protesta forma parte dun calendario de mobilizacións aprobadas en asemblea veciñal que nestas primeiras semanas se centrará no propio Concello de Ponte Caldelas e que incluirá unha acción xudicial, pois queren levar o proxecto ante os tribunais.
Os opositores ao proxecto xurdiron na parroquia da Reigosa, pero nas últimas semanas os veciños recibiron o respaldo doutras zonas do municipio como Baltar, Xustáns, Vilarchán, Santa Ana ou Contixe contra un crematorio do que indican que se situará a 200 metros da vivenda máis próxima, a 300 do Pavillón de Deportes ou a Casa do Pobo e a 700 do colexio.
No centro de todas as críticas sitúase Perfecto Rodríguez, co que os veciños din sentirse "enganados" polo "escurantismo" co que se tramitou o proxecto e se outorgou a licenza. Esta mesma crítica tamén a mantén o grupo municipal do PSdeG-PSOE, o primeiro en dar a voz de alarma sobre este proxecto e que agora alerta sobre as sospeitas de que o crematorio de Ponte Caldelas levará aparellado outro tanatorio.