O persoal de seguridade do Avelino Montero denuncia os incumprimentos laborais da empresa
Por Anxo Lourido
Un grupo de traballadores de seguridade do centro de menores Avelino Montero de Pontevedra concentráronse, xunto a representantes sindicais de UGT e Comisións Obreiras, ante as portas da instalación situada na Avenida de Vigo. Trátase do primeiro acto de protesta que decidiron levar a cabo para denunciar, segundo indican os traballadores, o incumprimento reiterado do convenio laboral por parte da empresa Compañía de Protección e Vixilancia Galaica dende que asumiron en xaneiro de 2014 esta concesión.
O delegado de persoal no centro, David Piñeiro, asegura que a empresa non paga as nóminas en tempo e forma e aínda hai traballadores, dos 15 que realizan a vixilancia no Avelino Montero, que non cobraron a paga extra de marzo. Apuntan que non se lles está a ofrecer a formación axeitada e non existe diálogo co representante sindical para tratar estes temas. Argumentan, ademais, que se cesou o xefe de equipo das súas funcións e que, dende ese momento, existe un descontrol no servizo que se realiza.
Por este motivo, dende os sindicatos pídese a mediación da Xunta de Galicia para que obrigue a empresa concesionaria a cumprir co convenio laboral. Non obstante dende a delegación da administración autonómica néganse a tratar o tema e remiten os traballadores a presentar denuncias na Inspección de Traballo ou nos xulgados. Segundo indica David Piñeiro, as intervencións da Inspección só levan consigo multas á empresa pero non resolve os problemas co persoal.
Piñeiro sinalou que os traballadores intentan cumprir coas súas funcións porque "entendemos que a dirección do centro non ten culpa" pero non obstante, recoñece que a empresa non se preocupa do servizo que se realiza nas instalacións.
Ante esta situación, os representantes sindicais teñen previsto manter, polo menos, unha mobilización de protesta ao mes ata que a administración adopte unha postura de apoio aos gardas de seguridade.
A empresa conta cunha adxudicación ata xaneiro de 2016 coa posibilidade de que se estableza unha prórroga por dous anos máis.