As rutas de Natureza sobre Rodas regresan a Pontevedra este domingo
A cuarta edición de Natureza sobre Rodas regresa a Pontevedra o próximo domingo 19 para todos os afeccionados ás rutas en bicicleta. As saídas están feitas para que todo tipo de público poida gozalas e facelas sen moita dificultade. Cinco saídas durante os próximos domingos ata o 17 maio cando rematará esta edición de Natureza sobre Rodas, que pretende combinar o uso da bicicleta e o aproveitamento de espazos naturais, unha forma distinta de coñecer a natureza e o patrimonio do Concello de Pontevedra.
A programación desta edición presentouse durante este martes polo concelleiro Miguel Filgueira xunto ao coordinador das saídas, Anxo Rajó e Marcos Narciso, da empresa Global.
Esta cuarta edición presenta algunhas novidades en relación ás anteriores: dividir en dúas as actividades e así as adaptar aos distintos niveis dos ciclistas que desexen participar. As rutas de Natureza sobre Rodas, segundo comentou Anxo Rajó, son iguais ás que se realizaron os anos anteriores. Rutas sinxelas na que os nenos, a partir de sete anos, poden participar coas súas bicicletas. Os percorridos son curtos e accesibles para que o público maioritario deste evento, as familias, poidan realizalo sen dificultade, segundo comentou Anxo Rajó.
A outra actividade é PonteRutas, unha proposta que segue promovendo rutas en bicicleta pero para un nivel medio. Marcos Narciso comentou na rolda de prensa que están creadas para ciclistas habituais que poden facer máis quilómetros e camiños de maior dificultade, polo que a idade está limitada para maiores de 16 anos.
As cinco saídas, dúas de Natureza sobre Rodas e tres de PonteRutas, realizaranse os domingos nun horario de mañá con saída no concello de Pontevedra. Ás 11:00 horas da mañá as saídas de Natureza sobre Rodas e ás 10:00 horas as de PonteRutas. A primeira destas quedadas será o próximo domingo 19 de abril e está indicada para toda a familia, entrando dentro do primeiro tipo de rutas. Esta pedalada será pola Falla Meridiana, unha ruta que vai polo camiño Xacobeo e a Xunqueira de Alba e que ten unha extensión de 8,5 quilómetros.
O domingo 26 vai desenvolverse a segunda saída e a primeira de PonteRutas. Un percorrido de 22 quilómetros de dureza media polo río dos Gafos ata Vilaboa. O domingo 3 de maio por Fervenzas de Barosa con PonteRutas. O día 10 será a segunda saída de Rutas en Natureza, unha ruta de 9.2 quilómetros pola ribeira do Lérez na Ruta de San Bieito e do Sendeiro Natural do río Lérez. O domingo 17 será a última e máis dura das pedaladas con PonteRutas, 17 quilómetros de camiño por diante e un gran desnivel na zona dos Petroglifos de Caeira e os muíños da Seca estará a esperar aos ciclistas que se apunten a esta saída.
Para participar nestas actividades é obrigatorio o uso do casco e é aconsellable levar algún elemento reflectante. Ademais de inscribirse xa que o límite de prazas é dun máximo de 40 persoas. As inscricións poden facerse no número 986 100 185 na extensión 7584.