Un altofalante dende Figueirido a Afganistán, Líbano, Bosnia, o Índico ou a Antártida
Por Natalia Puga
Afganistán, Líbano, Bosnia, Uganda, Somalia, Namibia ou a Antártida. A todos estes puntos do globo chegou este luns a voz dende a base da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) en Figueirdo. E dende todos eles houbo resposta. Do outro lado da videoconferencia ou o téfono estaban militares españois despregados en misións no exterior. O seu interlocutor: o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que este ano elixiu o cuartel pontevedrés para dirixirse aos soldados que pasarán o Nadal fóra de España.
Acompañado polo ministro de Defensa, Pedro Morenés, e o Xefe de Estado Maior da Defensa (JEMAD), o almirante xeral Fernando García Sánchez, e dende unha sala cun cadro do Rei Juan Carlos e a bandeira española, Rajoy dirixiuse aos soldados para felicitiarles as festas e transmitirlles "a admiración que como español e como presidente do Goberno lle produce o labor que desempeñan".
Nunha secuencia retrasmitida en directo na canle 24 Horas de Televisión Española, ao lado de Rajoy foron aparecendo imaxes dos seus interlocutores no exterior. Entre eles, o coronel Fernando García González-Valerio, responsable do Rexemento Príncipe no acuartelamento da Brilat en Cabo Noval (Siero-Asturias) e dende outubro ao mando do continxente da Brigada despregado en Afganistán.
González-Valerio conectouse dende o cuartel español en Qala e Naw, pero dende Afganistán tamén saudaron a Rajoy militares despregados nas bases de Herat e Kabul. A eles dirixiu o presidente un saúdo especial. O sábado 22 de decembro realizou unha visita sorpresa aos 1.600 militares que se encontran en terras afgás e sinalou que durante a viaxe puido "sentir aínda que sexa brevemente" o que experimentan as misións españolas no exterior e recoñeceu que o que viu "lle gustara e emocionado".
"Vin unhas Forzas Armadas modernas, profesionais e entregadas, pero sobre todo leveime o orgullo de coñecer os que, de xeito brillante e eficaz, representan a España", indicou o presidente nunha mensaxe que por videoconferencia tamén chegou a Marjayoun (Líbano), onde hai 800 soldados españois; Travnik (Bosnia e Herzegovina), con once efectivos; e Uganda, con 19.
Ademais, comunicouse coas tropas despregadas a bordo da fragata 'Mendez Nuñez' que loita contra a pirataría dentro da Operación Atalanta no Índico (300 efectivos entre a fragata e o destacamento aéreo Orión), así como coa base na Antártida 'Gabriel de Castila', co buque de acción marítima 'Relampago', ancorado en Namibia, e o buque de investigación 'Hespérides'.
"Vostedes levan a defensa máis alá das nosas fronteiras e fannos aquí máis seguros. Non dubiden nunca que no mundo que nos tocou vivir, España se defende en moitos lugares onde os nosos intereses se ven comprometidos polo terrorismo, a pirataría ou a ausencia de Estado. Canto fan en beneficio da súa misión, teñan a total e absoluta certeza de que merece a pena", indicoulles
Durante a súa intervención, o xefe do Executivo asegurou aos efectivos que participan en misións internacionais que "España gaña prestixio cada día co seu sacrificio" e pediulles que continúen co mesmo ánimo, o mesmo espírito e a mesma eficacia que acreditan en cada un dos seus actos e que foi merecedor da admiración e do respecto dos seus compañeiros doutros países".