Os empregados públicos do Concello recibirán unha paga de produtividade
Por Oskar Viéitez
A Comisión de Facenda do Concello de Pontevedra abordou este mércores unha modificación de crédito para incrementar o complemento de produtividade a uns dez traballadores dos departamentos de Medio Natural, Patrimonio e Tribunal Económico Administrativo, elevando a cantidade fixada polo Pleno e tamén incluír tres departamentos municipais na partida para complementos de produtividade.
O goberno local dá este paso despois de chegar a un acordo con tres sindicatos con representación municipal o pasado mes de marzo.
A medida levará consigo un desembolso de 7.000 euros "unha contía pequena que non se financia con cargo aos remanentes senón que se compensa coas vacantes ao non repoñerse novo persoal neste servizo", polo que non se incrementa o presuposto xa existente.
Este diñeiro incluirase na paga de produtividade que o Concello aboará, previsiblemente, no mes de maio, a todo o seu persoal e que supoñerá un desembolso de 220.000 euros.
Segundo informou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que "o fondo da cuestión é paliar cando menos nunha pequena parte a perda de poder adquisitivo que tiveron os funcionarios nos seis últimos anos", dixo.
Ademais abordáronse dous recoñecementos extraxudiciais de débeda un deles de 30 euros e outro de 1,76 euros pola compra dun envase de valium para o centro de drogodependencias, e catro facturas de Eurobrick por 21.000 euros que corresponden a servizos prestados o ano pasado.