Aproban, coa abstención do PP, unha paga de produtividade aos funcionarios municipais
Por Alejandro Espiño
Algo máis de 400 euros por persoa. ÿ o que recibirán os 468 traballadores do Concello de Pontevedra e dos seus organismos autónomos grazas ao complemento de produtividade que se aprobou no Pleno deste luns. Trátase dunha medida á que se destinarán 220.000 euros e que foi avalada polos votos do goberno municipal -BNG e PSdeG-PSOE-, aos que se sumou María Biempica. O Partido Popular abstívose.
Foi nun Pleno no que tamén se realizou o sorteo dos integrantes das mesas electorais para os comicios locais do 24 de maio
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou que ese complemento é unha das medidas que se recollen no concerto que se estivo a negociar cos sindicatos CC.OO, CIG e CSIF nos últimos meses e que, en liñas xerais, "mellora os dereitos e obrigas dos funcionarios e a eficacia da administración".
No caso concreto desta paga de produtividade, o Concello de Pontevedra entende que dende o ano 2010 os funcionarios públicos perderon un 25% do seu poder adquisitivo debido aos recortes salariais que impuxo o Goberno estatal. Ademais, ao non poder ampliar o equipo ou cubrir vacantes, estes traballadores asumiron máis carga de traballo da que tiñan para "garantir o nivel de calidade" nos seus respectivos servizos.
A habilitación deses 220.000 euros cos que se gratificará os traballadores que cumpran os requisitos non precisa dunha operación presupostaria específica, xa que as contas municipais non sufrirán aumento ningún. Para este pagamento destinarase diñeiro consignado e que non gastou debido a vacantes de persoal.
Esta medida foi cualificada como "electoralista" polo Partido Popular. O concelleiro César Abal acusou ao goberno municipal de "estar xogando coa reputación dos empregados públicos", aos que, segundo os populares, "están a poñer na picota". Aseguran que o gasto real deste complemento ascenderá a 385.000 euros, pero optaron por absterse por "respeto" aos traballadores municipais.
Por último, a edil non adscrita María Biempica votou a favor deste complemento porque sinalou que está a favor de que os funcionarios do Concello melloren as súas condicións laborais. Con todo, afirmou que "no es honesto que sea ahora", en referencia á época preelectoral na que nos encontramos, a menos dun mes das eleccións municipais.
MOCION SOBRE O SANEAMENTO DA RÍA
Ademais, no Pleno o Partido Popular presentou unha moción na que instaban o goberno municipal a asinar o protocolo con Augas de Galicia para desenvolver un estudo que aborde un plan de saneamento da ría de Pontevedra. Asegura Jacobo Moreira que a "sensación" é que o Concello "non quere colaborar nos labores previos de exame das redes municipais" e sospeita que non queren coñecer o "estado real" do saneamento local.
Neste sentido, Carme da Silva explicou que, tras unha serie de reunións, o Concello trasladou a Augas de Galicia a autorización para que accedan a todo o sistema de saneamento municipal e se lles dará toda a información que soliciten a este respecto, incluída a planificación e previsión de investimentos futuros. "Colaboramos non ao 100%, senón con moito máis," sinalou a edil do BNG, responsable en materia de Medio Ambiente.