CIG esixe que se faga pública a nova zonificación educativa do concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A CIG-Ensino denuncia a política da Consellería de Educación e concretamente ao xefe territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, "que unha vez máis demostra a súa incompetencia e incapacidade para resolver os problemas do ensino público na nosa cidade".
A crítica obedece á distribución e adscrición do alumnado aos centros educativos da cidade. Pérez Ares recoñeceu publicamente que existe unha nova asignación de zonas aos centros educativos, unha zonificación que foi decidida no verán de 2014.
Ante o "grande interese" que suscita este novo mapa educativo ao sindicato CIG resúltalle "incomprensible" que "ao mesmo tempo que o Partido Popular aproba con grande propaganda a Lei de Transparencia agoche este importante documento de interese pública".
Recordan dende este sindicato educativo que o xefe territorial "falta á súa palabra" xa que se comprometeu hai tempo a entregar esta nova zonificación, polo que critican a súa actitude "escurantista e segredista" esixíndolle que entregue o documento ás Anpas, ás direccións dos centros educativos, á Xunta de Persoal Docente e ao Concello de Pontevedra.