A Deputación investirá 410.000 euros nas obras de mellora de tres igrexas en Meis, Ribadumia e Cambados
Por Oskar Viéitez
A Deputación destinará 410.000 euros a tres actuacións na Igrexa de Santa María do Mosteiro (Meis), na Igrexa de San Clemente de Sisán (Ribadumia), e na Igrexia parroquial de Santa Cruz de Castrelo (Cambados).
- Rehabilitación de Santa María do Mosteiro
En colaboración co Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Meis, a Deputación asinará un convenio para a restauración desta capela do século XII. A administración provincial destinará a tal fin 250.000 euros.
Na actualidade, a igrexa de Santa María do Mosteiro presenta importantes problemas de humidade por mor do mal estado de conservación no que se atopa a cuberta polo paso do tempo. Por iso se fai necesaria a súa reparación co fin de evitar as filtracións de auga que deterioran tanto o interior da igrexa como as súas portas de acceso.
A actuación prevista inclúe, ademais, a substitución da carpintería interior do templo, danada tamén por esas humidades.
O proxecto tamén considera necesario a limpeza das fachadas exteriores e do teito do ábside; a restauración do pavimento de madeira do interior e do coro do templo; a rehabilitación do campanario; a instalación do sistema de son e o acondicionamento da rede eléctrica. Asi mesmo, tamén se contempla a reparación dos muros que pechan o exterior da Igrexa, con especial coidado na súa conservación. Retirarase a maleza dos valos e selaranse axeitadamente as paredes.
A Igrexa de Santa María do Mosteiro é unha das máis representativas do románico galego na comarca do Salnés na que cómpre destacar a súa fachada que recorda á Orde do Cister pero sen rosetón. No século XVI, o templo pasou a pertencer á Orde dos Cabaleiros de San Xoán.
- Restauración da Torre da Igrexa de Sisán
A segunda das actuacións incluídas neste investimento, é a reparación da Torre da Igrexa de San Clemente de Sisán cuxo estado actual está moi deteriorado polo paso do tempo, a calidade dos materias empregados na súa construcción e polos efectos da vibración das campás sobre a estructura.
Segundo unha inspección técnica realizada por parte do Arcebispado de Santiago, esta mala conservación do campanario pon en risco a seguridade e estabilidade da torre, polo que se considera necesaria súa reparación.
- Santa Cruz de Castrelo en Cambados
A última das actuacións contempladas é a reparación da Igrexa parroquial de Santa Cruz de Castrelo, en Cambados. Un templo que data de finais da época barroca.