Experiencias vitais de enfermas de cancro amplían a formación dos futuros fisioterapeutas
Por Redacción
No seu futuro profesional, os titulados en Fisioterapia terán que facer fronte a patoloxías e problemáticas que, máis aló dos aspectos puramente clínicos, teñen tamén unhas consecuencias na vida diaria das persoas que as padecen, dos seus futuros pacientes. Por ese motivo, na facultade do campus pontevedrés desenvólvense unha serie de coloquios con representantes de diferentes asociacións e colectivos, “que moitas veces lles achegan unhas experiencias vitais que resultan moi enriquecedoras na súa formación”, como salienta o profesor Lois González.
Experiencias como as que centraron o coloquio que achegou ata Fisioterapia a representantes da Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama Adicam.
“Para nós é unha experiencia moi importante, cremos que achegarnos á xente que se está formando é o mellor camiño para conseguir que os futuros profesionais teñan unha visión máis ampla do que é unha paciente cun cancro de mama”, salienta Loli González, psicóloga de Adicam, respecto do coloquio.
Ana María Romero, Duly Lagoa, Esperanza Gil, Marta Marchena e Fina Acuña, foron as encargadas de achegar o día a día das mulleres operadas dun cancro de mama neste coloquio, no que tamén informaron ao alumnado do labor que vén realizando esta asociación integrada por preto dun milleiro de socios de toda a provincia.
Este ciclo de coloquios continuará o vindeiro mércores 6 de maio co relatorio dun representante do Banco de Alimentos de Pontevedra, que lles falará duns temas moi relacionados cos contidos da materia Saúde Pública.
Relacionadas:
-
Pacientes afectadas polo cancro de mama participan nun desfile de bañadores e lencería
Por Redacción |
-
'Non te imaxinas todo o que un euro pon en marcha'
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz |
-
200 voluntarios na procura de apoio económico para investigar o cancro
Por Redacción |
-
Increméntase un 48% as demandas sociais á asociación contra o cancro en Pontevedra
Por Redacción |