Fiscalía pide 14 anos de condena para un vilagarciano acusado de roubar e queimar vivo un adegueiro de Vilanova
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra ten previsto xulgar este xoves 7 de maio ao presunto autor dun roubo con violencia e intimidación que se perpetrou en abril de 2012 nunha vivenda de Vilanova de Arousa.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o acusado, en compañía doutras persoas non identificadas, accedeu a unha casa da parroquia de Tremoedo en Vilanova de Arousa cunha chave que conseguiran por medios ilícitos. Alí espertaron de forma sorpresiva ao morador da vivenda, atárono de pés e mans á cama e golpeárono cunha arma que levaban.
A vítima chegou a esvaecerse da malleira que lle deron. Posteriormente enchéronlle o corpo cun líquido inflamable e prendéronlle lume, o que provocou que se esvaecese de novo. Á vítima quedáronlle múltiples secuelas.
O fiscal pide que sexa condenado a catorce anos de prisión.
O caso procede do Xulgado de Instrución número dous de Vilagarcía. O acusado é J.E.P.P., de 44 anos, veciño de Vilagarcía de Arousa.
Segundo a Garda Civil, o arrestado ten un amplo historial de antecedentes policiais e en 2011 fora arrestado cunha carabina no seu coche tras un roubo en Poio.
A vítima foi José Luciano Núñez Villanueva, "Chano", un adegueiro que na década dos 90 estivo vinculado ao clan de narcotraficantes dos Charlín, o que inicialmente fixo crer aos investigadores que o feito fora un axuste de contas.