Condenan a once anos de prisión o asaltante que torturou un adegueiro de Vilanova
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condena a Javier Evaristo Pose Palleiro a cinco anos de prisión por un delito de roubo con violencia, coa circunstancia agravante de disfrace e a seis máis por un delito de lesións con deformidade.
Os feitos sucederon en 2012 en Vilanova de Arousa, cando o acusado, en compañía de polo menos outra persoa non identificada, deu unha malleira a un empresario bodegueiro cando estaba a durmir na súa vivenda, antes de plantarlle lume nos xenitais.
En concepto de responsabilidade civil, o acusado deberá indemnizar a vítima, Luciano Núñez Villanueva, na cantidade de 13.000 euros polos días de curación; 55.000 euros polas secuelas, incluíndo os danos morais; máis as cantidades que se poidan acreditar polo diñeiro e os obxectos roubados e non recuperados, cos seus correspondentes intereses legais.
O acusado tamén deberá indemnizar o Servizo Galego de Saúde da Xunta polas asistencias sanitarias prestadas á vítima.
Na sentenza os maxistrados pontevedreses consideran feitos probados que o acusado, Javier Evaristo Pose Palleiro, con antecedentes penais non computables para os efectos de reincidencia, sobre a 01:30 horas do día 4 de decembro de 2012, acudiu acompañado "polo menos doutra persoa", que non foi identificada, ao domicilio de Luciano Núñez Villanueva, situado en Tremoedo, en Vilanova de Arousa.
A este domicilio accederon cunha chave "que obtiveran previamente por medios ilícitos". Alí, vestidos con roupa escura, luvas e pasamontañas para evitar ser identificados, actuaron "coa finalidade de obter un beneficio patrimonial ilícito e de atentar contra a integridade física de Luciano", quen se encontraba só na vivenda durmindo.
Espertárono por sorpresa e atáronlle os pés e as mans con bridas, "aproveitando a imposibilidade de reacción deste" empezaron a golpealo reiteradamente nas costas e na cabeza coas mans, cun revólver ou unha pistola que portaban, así como cun obxecto "tipo porra plástica", ao mesmo tempo que pedían insistentemente a Luciano Núñez Villanueva que lles dese o diñeiro que tiña na casa.
Ao obter unha resposta negativa de Luciano, os asaltantes "incrementaron a intensidade da violencia", chegando a retorcerlle un deles manualmente os xenitais a Luciano, así como a poñelo neles un instrumento tipo pata de cabra, perdendo a vítima o coñecemento.
A sentenza recolle que o acusado regou a súa vítima cun produto non determinado ao que prenderon lume.
Relacionadas:
-
Detido por un alixo de cocaína un narco do 'caso Nécora' ao que queimaron os testículos nun asalto
Por Redacción |
-
"Me siento víctima de todo esto", declara o acusado de queimarlle os testículos a un bodegueiro
Por Oskar Viéitez |
-
O mecheiro é a clave do xuízo polo asalto a un bodegueiro de Vilanova ao que queimaron os testículos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Fiscalía pide 14 anos de condena para un vilagarciano acusado de roubar e queimar vivo un adegueiro de Vilanova
Por Oskar Viéitez |