150 equinos descansan na Praza de Touros durante o percorrido da III Ruta Cabalar
Por Redacción
A chuvia non impediu que 150 xinetes cos seus respectivos cabalos percorran dende este venres 1 de maio a III Ruta Cabalar entre o Salnés e Tabeirós Terra de Montes.
Durante a primeira xornada realizaron o percorrido partindo da ermida da Lanzada, en Sanxenxo, para trasladarse ata o Mosteiro de Meis e chegar durante a tarde a Pontevedra. A presenza dos cabalos na súa entrada á cidade pola ponte do Burgo obrigou a interromper temporalmente o tráfico rodado. Despois os xinetes achegáronse ata a Praza de Touros en San Roque para que os animais pasasen alí a noite. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse ata a zona para saudar os xinetes.
Ao longo deste sábado 2 de maio, os participantes continuaron a ruta por Beiramar, dirixíndose a Monte Porreiro para despois trasladarse a Bora e visitar o parque arqueolóxico de Campo Lameiro. A xornada finalizará en Sabucedo onde celebrarán unha cea de despedida.
Esta iniciativa organízase pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo e polo concello da Estrada, coa colaboración da Deputación Provincial.