Detidos tres arousanos tras interceptar un vehículo 'caleta' con 2 quilos de cocaína
Por Oskar Viéitez
Axentes da Garda Civil detiveron tres homes, veciños de Vilagarcía de Arousa, de entre 30 e 40 anos, que viaxaba en dous vehículos que foron interceptados en A-6, á altura de Outeiro de Rei (Lugo). No interior dun dos coche acharon unha sofisticada 'caleta' que ocultaba 2 quilos de cocaína de gran pureza e 9.000 euros en efectivo.
Segundo informa a Garda Civil no marco da operación 'Fulminante', producíronse estas detencións. A estes individuos impútaselle un suposto delito contra a saúde pública.
Dende o Instituto Armado sinalaron que a 'caleta' era un habitáculo preparado para ocultar a droga ao que só podíase acceder desmontando parte do vehículo ou activando un sistema eléctrico conectado a varios botóns do cadro de instrumentos e a un interruptor oculto.
As denominadas 'caletas' forman parte da infraestrutura coa que contan as organizacións dedicadas ao tráfico de drogas, xa que é un sistema que lles permite ocultar e transportar grandes partidas de droga dunha soa vez ou efectuar de xeito periódico o movemento de varios quilos destas substancias prohibidas.
O segundo vehículo interceptado actuaba como 'lanzadeira', indica a Garda Civil, cuxa misión sería detectar a posible presenza policial e poñer en aviso ao vehículo que transporta a droga.
Os encargados da investigación consideran que estes tres detidos formaban parte de "unha organización dedicada de xeito habitual ao transporte de importantes cantidades de droga e que operaba en todo o territorio nacional".
A operación, que foi levada a cabo pola Garda Civil da Coruña e de Lugo, está dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, cuxo titular decretou o ingreso en prisión para os tres detidos.