Haberá indemnización polos danos do temporal Nicki en Arousa, Umia e Pontevedra
Por Natalia Puga
O Consorcio de Compensación de Seguros (CCS) determinou que municipios considera afectados polo temporal Nicki e, polo tanto, nos que asumirá a indemnización dos danos causados en vehículos, vivendas e demais propiedades e bens asegurados. Entre eles figuran varios das comarcas de Pontevedra, Arousa e Umia.
O Consorcio considera que Caldas de Reis, Cuntis, Campolameiro, Cotobade, A Lama e Vilagarcía de Arousa resultaron afectados pola "tempestade ciclónica atípica" que, durante os días 24 e 25 de novembro de 2012, se produciu en diversas zonas de España.
Unha vez determinada a lista de municipios afectados, esta entidade anuncia que, "polo tanto, indemnizará os danos que, como consecuencia do vento, tivesen sufrido os bens asegurados radicados neses municipios durante eses días".
Recoñece os danos en Caldas, Cuntis, Campolameiro, Cotobade, A Lama e Vilagarcía
O Consorcio determinou que Nicki afectou a municipios das catro provincias galegas, Asturias, Cantabria, Palencia e León. No caso de Pontevedra, os concellos afectados complétanse con Catoira, Cercedo, A Estrada, Forcarei, Silleda e Valga, todos no norte da provincia e próximo ás bisbarras pontevedresa e arousana.
Segundo indican, a escasa incidencia da tempestade non fai preciso aplicar o convenio de colaboración do 14 de novembro de 2011 sobre xestión de sinistros e de reembolsos derivados destes asinado por Unespa, en representación das entidades aseguradoras, e o CCS. En consecuencia, os asegurados deberán comunicar os seus danos á súa entidade aseguradora para que sexan atendidos por esta, en lugar de facelo ao Consorcio.
O CCS reembolsará posteriormente ás entidades aseguradoras as indemnizacións que tivesen aboado aos seus asegurados. Para iso, a entidade aseguradora deberá dirixir as solicitudes de reembolso á delegación rexional do CCS coa documentación que permita identificar ao tomador e ao asegurado, así como ao ben danado e a súa localización. Deberá xustificar o aseguramento e a súa vixencia, os danos peritados e o aboamento efectivo da indemnización ou da reparación cuxo reembolso se solicite.