A Lama servirá máis de medio millar de racións de codillo
Por Redacción
O Concello da Lama ten previsto servir este domingo 10 de maio, a partir das 14 horas, máis de medillo millar de racións de codillo en salsa curri e mazá con guarnición de navicol e patacas, dentro da décimo quinta festa de exaltación desta especialidade culinaria. A xornada estará amenizada pola música e o bo humor da charanga Os Encerellados.
O alcalde, Jorge Canda, sinalou que a Alameda da Lama se encontra perfectamente acondicionada para acoller a XV Festa do Codillo onde se situou unha gran carpa que dará cita aos máis de medio millar de comensais que se esperan para esta ocasión.
A empresa Grupo Galego de Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar) será a encargada de servir o codillo en salsa de curri gañador, por unanimidade, da cata realizada por un xurado que escolleu este tipo de preparación.
Esta festa suscita grande interese non só entre os residentes no municipio senón entre multitude de persoas que se achegan ata A Lama para participar neste evento de exaltación gastronómica dun dos manxares máis populares de Galicia, neste caso o codillo.
As máis de medio millar de racións previstas pola organización, ademais do popular e saboroso codillo, póñense á venda ao prezo de 10 euros e van acompañadas de pan e viño, así como un prato de barro e servizos co fin de poder favorecer a degustación deste manxar que dende hai anos se homenaxea e exalta na Alameda da Lama.