Denuncian que a Subdelegación compensou os seus altos cargos con "productividades inusualmente altas"
Por Redacción
O secretario da Xunta de Persoal da Administración Periférica do Estado en Pontevedra, José Antonio Otero, atribúe unha actitude "hipócrita" á Subdelegación do Goberno en Pontevedra tras denunciar que realizou "unha repartición de productividades inusualmente alta no último trimestre de 2012 para funcionarios que ocupan altos cargos na Subdelegación".
As críticas sindicais indican que estes altos cargos recibiron unha suma duns 1.000 euros e relacionan o aboamento desta cantidade con "unha compensación á perda da paga extraordinaria" de Nadal eliminada por decreto polo Goberno estatal en xullo para todos os traballadores públicos.
José Antonio Otero cuestiona que "estas produtividades se suman ás retribucións salariais ordinarias, xa de por si as máis elevadas dentro do persoal que traballa neste organismo" e sinala que o seu pagamento é "hipócrita" porque o Goberno estatal denunciou a municipios como o de Pontevedra por pagar produtividade aos funcionarios locais como paga extra camuflada.