Máis de 40 investigadores de cinco universidades reúnense en Poio os días 15 e 16
Por Oskar Viéitez
Máis de 40 investigadores participarán esta fin de semana en Poio nun "diálogo entre iguais", grazas á primeira Reunión Científica Interuniversitaria de Novos Investigadores.
Alumnos de doutoramento das universidades de Vigo, Santiago, A Coruña, Oviedo e Cantabria participarán na Hospedería do Mosteiro de Poio na que será a primeira reunión do alumnado dentro dun programa que ten como propósito a posta en común de experiencias e puntos de vista.
Entre os contidos desta xuntanza tamén está a creación dunha gran rede de intercambio entre os investigadores en formación.
Nesta reunión científica non hai lugar para conferencias maxistrais, senón para seminarios, talleres e presentación de proxectos.
Intercambiar impresións, dúbidas, dificultades, recursos... é o propósito central desta iniciativa que pretenden que sexa a primeira de moitas máis.