Búscanse 300 fogares para participar nun proxecto de aforro enerxético
Por Redacción
Trescentos fogares da provincia de Pontevedra participarán gratuitamente nun proxecto de eficiencia enerxética, promovido pola Deputación, no que se instalará un kit domótico equipado cun contador de enerxía, un detector de apertura e peche de portas, sensor de luminosidade e un medidor de consumo eléctrico.
A través desta iniciativa estableceranse estratexias de aforro enerxético e por este motivo, a institución provincial busca voluntarios para participar nunha proba piloto de eficiencia enerxética no consumo do fogar.
Os interesados deberán pertencer a un concello da provincia con menos de 50.000 habitantes e terán que anotarse no blog de R "Que che parece" ou a través das súas redes sociais. É necesario que no fogar haxa un mínimo de 6 megas.
Cada fogar recibirá tamén, nesta proba piloto, dúas novas luminarias de baixo consumo para substituír nos seus fogares e, desta forma, medir o impacto enerxético que supón o cambio.
A proposta busca que a provincia sexa un referente en concienciación ambiental e inclúese dentro do proxecto depoGap, promovido pola Deputación e cofinanciado nun 70% a través de fondos europeos Feder. Paralelamente realizaranse probas de eficiencia enerxética, tamén en instalacións municipais. Búscase lograr "smart cities" cunha xestión de modo intelixente dos recursos enerxéticos.