Valoriza asume a limpeza e recollida de lixo en Poio con 13 traballadores e catro máis de reforzo no verán
Por Alejandro Espiño
Valoriza é, dende este luns, a nova empresa adxudicataria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo en Poio. Tras un longo proceso administrativo, que incluíu varias reclamacións, xa se asinou o contrato que unirá a compañía co Concello durante 16 anos. Cobrarán anualmente uns 760.000 euros, segundo explicaron este luns en rolda de prensa Luciano Sobral e representantes da empresa.
Este primeiro día está a ser, segundo Sobral, "ben satisfactorio". O alcalde de Poio explicou que se reforzou de forma "importante" a limpeza e a recolleu de lixo en todo o municipio, a pesar de contar unicamente cos medios materiais cos que xa contaban. Afirmou que despois dun último ano "bastante deficitario" nesta materia, o servizo se achega ás condicións que "nós desexamos".
Segundo Raúl González, xefe de servizo de Valoriza Servicios Medioambientales, a empresa -que ten unha grande implantación en Madrid ou Cataluña- pretende que Poio sirva como o seu "referente" en Galicia. "La ventaja es que en 16 años de contrato da tiempo a hacer muchas cosas", sinalou o responsable da compañía. "Hemos recogido el testigo y queremos mejorar lo hay ahora", destacou, apostando por potenciar o servizo xa dende o primeiro día.
Entre outras cuestións, Valoriza subrogou os trece traballadores que tiña contratados Cespa e contratará outras catro persoas como reforzo para estes meses de verán. Raúl González destacou que nun concello como Poio onde o turismo ten tanta importancia "todo tiene que estar en condiciones" e que o servizo de limpeza e recollida de lixo "funcione sin que nos demos cuenta".
Por agora, traballarán con material alugado e vehículos que puideron aproveitar "porque lo que había era bastante malo", subliñou González. Pero avanzou que a empresa xa encargou novos medios materiais e vehículos que empezarán a percorrer as rúas de Poio unha vez llos sirvan os seus provedores.
Entre as principais novidades do servizo, Luciano Sobral destacou que se irá implementando a carga lateral de colectores nos camións, reforzarase a recollida de aparellos e materiais voluminosos, apostarase por aumentar a recollida selectiva de lixo ou por amortecer a presenza de materiais orgánicos. Estas dúas últimas cuestións servirán, dixo, para reducir a factura que Poio paga a Sogama, uns 42.000 euros ao mes.
Sobral celebrou que se puidese subrogar a todos os traballadores que tiña Cespa "porque son coñecedores das necesidades do concello". Neste sentido, Raúl González adiantou que segundo como vaia funcionando o servizo "iremos ajustando", polo que sinalou que os catro empregados que se contratarán en verán poderían continuar máis alá destes meses "viendo las necesidades que tengamos".
Relacionadas:
-
Valoriza convoca aos traballadores do servizo do lixo en Poio para negociar o convenio
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores do lixo en Poio anuncian concentracións e ameazan con folga
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Poio expedienta á empresa Valoriza, responsable da recollida do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio solicita un plan específico de recollida de lixo para o casco histórico de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
UGT pide que se incremente o número de operarios na recollida de lixo en Poio durante o verán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |