O PP de Poio solicita un plan específico de recollida de lixo para o casco histórico de Combarro
Por Oskar Viéitez
O voceiro do Partido Popular para os asuntos de Combarro, Cándido Muíños, solicitou este xoves a convocatoria dunha reunión entre a Corporación Municipal, os veciños do casco histórico, os empresarios da restauración, a hostalería e o comercio combarrenses e os empregados da empresa Valoriza para implantar un plan específico de recollida de lixo para a zona.
Muíños asegurou que "é tamén o momento idóneo en relación á empresa adxudicataria", referíndose a Valoriza, que asumiu este mes o servicio no municipio despois dun complexo proceso de contratación, "hai que aproveitar a entrada desta nova empresa para renovar o servizo que se presta en Combarro".
‘Tucho’ Muíños adiantou algunhas das ideas que os veciños transmitiron ao PP e que previsiblemente xurdirán na reunión solicitada, como son, "estudiar cos veciños de que forma as bolsas do lixo poden integrarse na apariencia do conxunto histórico, evitando a situación actual en que as bolsas deslucen a característica imaxe da zona; ou programando baldeos periódicos coordinados con hosteleiros e comerciantes, para que teñan o menor impacto na actividade cotiá e na vida dos veciños".