Un campamento multideporte cun marcado carácter social
Por Alejandro Espiño
Por quinto ano consecutivo, o ximnasio Suh Sport organiza un campamento multideporte nas instalacións que o Casino Mercantil ten en Mourente. Trátase dun programa para os meses de verán na que nenos de 4 a 15 anos participan en actividades relacionadas coa natureza, os deportes, a aventura ou o entretemento. Pero por primeira vez, haberá prazas reservadas para menores en risco de exclusión.
Serán vinte por mes e os nenos subvencionados serán seleccionados por Benestar Social, primando aos fillos de vítimas de violencia de xénero e aos participantes do programa de atención familiar que xestiona a asociación Meniños. Son, segundo Carmen Fouces, "rapaces que teñen dificultades para acceder a este tipo de campamentos", especialmente pola complexa situación económica das súas respectivas familias.
Para todos eles, o campamento será gratis e tamén terán cuberto o seguro por accidentes e o xantar.
A inscrición, para o resto de nenos, custa 150 euros ao mes -125 se son socios do Casino- e haberá descontos para familias.
Neste campamento, haberá actividades relacionadas con fútbol, squash, patinaxe, balonmán, pádel, tenis de mesa, golf, baloncesto, piscina, tenis ou bádminton, así como rutas de sendeirismo e en bicicleta.
Os interesados poden apuntarse no ximnasio Suh Sport (cale Mestre Soutullo, 8), na sede do Casino Mercantil en Curros Enríquez ou no email suhsportcampamentosdeportivos@hotmail.com.