Máis música tradicional e máis deporte nunhas Festas de San Xoán "para todos os públicos"
Por Alejandro Espiño
Poio é, sen dúbida, a referencia da comarca de Pontevedra na noite de San Xoán. Son as festas patronais no municipio e, de novo, o goberno municipal preparou unha ampla programación para estes días tan sinalados. Todo ela responde "ao que os veciños esperan", asegurou a concelleira de Festas, Marga Caldas, que acompañada do alcalde, presentou este venres as actividades que integran este programa festivo.
Mantense a estrutura tradicional destas festas, cunha forte presenza da música tradicional e das verbenas, pero apostando por unha programación "diversa" na que poidan participar "todos os veciños e todos os colectivos de Poio". Marga Caldas sinalou que o obxectivo é que sigan sendo o "referente" do municipio e atraia non só os seus habitantes, senón visitantes de concellos próximos.
O día grande será o martes 23 de xuño. De novo, o grande atractivo será a sardiñada popular que se celebrará, dende as nove e media da noite, na Seca. Prepararanse 500 quilos de sardiñas que, acompañadas de viño, auga e pan, terán un prezo de dous euros. A outra gran cita será o espectáculo de lume e arranque da cacharela, ás once e media. A música durante a noite correrá a cargo das orquestras Mosaico e Xacobeo.
Antes dese día, as festas comezarán o día 14 co festival de intercambio folclórico organizado pola asociación cultural Vides Novas e, posteriormente, o día 20 co XVIII certame de canto coral. O pregón darano as poetisas María Alado e Lucía Aldao o luns 22, ás 21.00 horas, dende o balcón da Casa Consistorial, onde se entregarán os premios aos mellores deportistas do ano e actuarán a banda de Arcade e a de Gaitas de Poio.
O día de San Xoán, o 24 de xuño, a verbena será coas orquestras Costa Oeste e Magos de España. Haberá ademais unha misa solemne coa actuación da coral Virxe de Fátima e un concerto da Banda de Arcade na praza do Mosteiro. Xa o xoves 25, a misa estará amenizada pola Coral da Renda e actuarán a Banda Xuvenil de Barro e o grupo Lembranzas Moañesas. Pola noite, será a quenda das orquestras Panorama e Manila.
As festas concluirán o venres 27 coa verbena das orquestras Gran Parada e Television, á que precederán a misa coa actuación de Coral de Poio e os concertos da Banda Xuvenil de Meaño e da Banda de Acordeóns de Campelo. Ademais, o venres 3 de xullo haberá unha sardiñada popular na Casa Rosada, organizada pola concellaría de Igualdade e Benestar.
ACTIVIDADES DEPORTIVAS
Ademais, o programa festivo de San Xoán 2015 inclúe a celebración de varias citas deportivas. A novidade será a primeira edición do mini BTT de Campelo (13 de xuño) e do campionato de kickboxing (14 de xuño). A eles sumaranse a segunda carreira popular nocturna 8K San Xoán e o trofeo de ximnasia rítmica (ambos os dous o 20 de xuño) e a semana deportiva de San Xoán (do 22 ao 28 de xuño).
Relacionadas:
-
Alcohol, condución e lume, precaución en San Xoán
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Campelo ultima os preparativos para a XXVIII edición da Festa da Ameixa
Por Redacción |