Sanxenxo reabre o sábado a praia de Paxariñas tras concluír a estabilización do noiro
Por Redacción
A praia de Paxariñas volverá recibir bañistas a partir do sábado. Será un día despois de que finalicen os traballos que está a levar a cabo o Servizo Provincial de Costas de cara a estabilizar o noiro que provocou desprendementos o pasado verán.
"Hasta ese día o areal permanecerá pechado como así nolo comunicaron dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente", sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, quen explicou que "nos seguintes días acometerán as labores de limpeza e tamén dotarán de firme ao antigo acceso rodado directo a praia desde o aparcadoiro".
Con esta intervención quedarán solucionados os problemas que se veñen rexistrando dende hai anos e que se agravaron o pasado verán obrigando nun primeiro momento ao Concello de Sanxenxo, e posteriormente á dirección xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, a valar unha ampla zona da praia debido á aparición de novas gretas que poderían derivar en desprendementos de terra e rochas.
"Tivemos que tomar medidas para evitar accidentes antes de que se acometesen as obras e, polo tanto, arriar a Bandeira Azul outorgada a Paxariñas", recordou Rodríguez, quen avanzou que unha vez que se solucionaron estes problemas, a praia volverá ser incluída na relación de candidaturas para este galardón o próximo verán.
Iso si, José Luis Rodríguez insistiu en que aínda que Paxariñas non conte nesta tempada estival coa Bandeira Azul, "disporá de todos os servizos que teñen as praias galardoadas como socorristas, balizamento, entre outros, tendo en conta ademais que a cualificación das súas augas é, como todos os anos, excelente".