Instauran o sentido único no vial de acceso as praias de Portocelo, Mogor e Aguete
Por Redacción
O acceso ás praias de Portocelo, Mogor e Aguete realizarase a partir do próximo venres día 12 por un vial de sentido único para facilitar o aparcadoiro e o acceso aos peóns á area, para que se produza en condicións de mellor seguridade e accesibilidade.
Segundo informou o Concello de Marín, impoñerase o sentido único na prolongación do vial de praias coa estrada 1025 e a súa intersección coa N-551 na recta de Bagüin, que dispón dunha senda peonil.
A partir dese día só se permitirá o sentido de baixada dende a estrada N-551 en dirección á praia de Aguete. Desta forma, un coche que circule polo vial de praias non poderá subir na intersección de Aguete cara á estrada xeral.
Paralelamente, manterase de subida o vial inmediatamente anterior, unha estrada con moita pendente, pero que facilita a incorporación á estrada xeral.
Ademais, co comezo da tempada de verán, e igual que en anos anteriores, o Concello de Marín establecerá o sentido único de circulación en todo o vial de praias, dende Portocelo a Gago de Mendoza, no período do 12 de xuño ao 15 de setembro. Os condutores que utilicen o vial de praias de Marín deberán ter en conta que no tramo comprendido entre Bagüín e a rúa Gago de Mendoza en Aguete deixará de ser de dobre sentido de circulación.